domingo, 23 de dezembro de 2007
THERMOMIX (Onírica)
Hoxe, a falta de textos dende fai meses, encargarei un soño a domicilio con extra de mozarella.
Agora que pesan mais as ausencias e sobran os excesos, agora que o domingo asociase co Nadal nunha OPA hostil tradicionalista, agora é o momento de buscar un fuchanco onírico a medida.
Hoxe, meterei na thermomix da nosa pequena cociña as viaxes feitas e por facer, un relatorio dos bicos dados e os anotados no debe, un catálogo de pantasmas por decreto, as veces que estiven ao teu carón a miles de kilómetros de ti, medio litro de Licor Café, un hipnótico tipo Zolpidem, os desexos gardados no faiado, todas as mulleres que foron unha, as cidades que profanamos con espírito indómito, as adiccións incentivadas debaixo da túa saia, os amigos insomnes, os inimigos armados e os bancos que non fun quen de atracar.
Quen dixo que non existían os soños a medida?.
 
postado por Torreira ás 14:31 | Permalink | 9 visións