quarta-feira, 9 de maio de 2007
Cocktail Onírico
Hoje damos a bem-vinda a um novo sonhador nesta casa de grandes exploradores das nocturnas aventuras de morfeo. Pablo Torreira é o seu nome e mentras aguardamos a que entre no olimpo onírico desta adormecida comunidade imos desfrutar deste fermoso cocktail com que se nos apresenta.... pra os vossos olhos e os vossos ouvidos.


Eu en vez dun soño,teño un catálogo de microsoños que finalizan e empezan sucesivamente no momento no que abro os ollos e os volto a pechar despois de fitar o espertador cunha curiosidade distímica.
Son polo tanto un cocktail onírico catalizado polo Licor café que acelera a miña fase REM tras unha noite de troula pola vella.
Por perder e sen pretender levarlle a contraria a Descartes,xa perdín a capacidade que tiña de rapazolo pra espertar no medio dun pesadelo ateigado de monstros e asasinos sendo consciente de que todo aquilo era irreal e contando ata 20 mentres invertía esforzos en vencer os pesarios que suturaban as miñas pálpebras.
Por perder,ata perdín a posibilidade de debuxar os escenarios dos meus soños,xogando cun guión xa marcado polo meu maxín e os meus mais baixos instintos.
Agora,tan so te pinto a ti.Aparécesteme nunha OPA hostil en todo canto microsoño percibo.Espida ao lonxe, cun sorriso sardónico e un lixeiro aceno na man que invita a un adeus,repítesteme mais que a zorza,parapetada tras a porta dun ascensor que se pecha cando pretendo tocarte.
Quero que saibas,que a pesar do erotismo francés que destila a túa pálida pel,o desacougo do espertar instálase en min non porque me negues a boca e o teu corpo senón pola túa aperta desexada e nunca dada nun ascensor que te leva a ningures.
Non soporto mais este déficit afectivo ao espertar así que hoxe acudirei a unha vella en Santa Comba que aínda levanta paletillas contra o mal de aire.

P. Torreira



Escoitar o soño
 
postado por Anónimo ás 02:16 | Permalink |


6 Comentarios