quarta-feira, 25 de abril de 2007
Carrachas


Este é un pesadelo que tivo unha persoa que coñezo e que non ten blogue, como isto é para contar soños, aproveito e cólgollo aquí, brevemente, como mo contaron:

"Soñaba que tiña o corpo cuberto de carrachas, todo o corpo e que se aferraban a min e non se despegaban. Eu íaas queimando co cigarro, unha a unha, coidando de non queimarme, entón morrían e desprendíanse. Era unha sensación horrible e aínda o foi máis cando me decatei de que por cada unha das que queimaba co pitillo me saía outra noutro lado do corpo.

E seguía así, queimándoas e parecíame que ía moi lento, que non daba feito. E vía como tiña todo o corpo cuberto delas, as plantas dos pes, as pernas, todo o peito. Notaba como afogaba. E sentíame triste e deime conta de que toda a vida ía seguir así, de que ninguén me ía querer nunca máis, que ía seguir sendo unha merda de persoa, que a miña vida era un asco, que nunca chegaría a nada.

E seguía coas carrachas pegadas en min e cada vez máis e máis a chucharme o sangue. Non respiraba. E espertei."
 
postado por besbe ás 23:35 | Permalink |


0 Comentarios